Sunday 19 de May de 2024

O Concello de Noia súmase á campaña “En negro contra as violencias”


 

O Concello de Noia súmase á campaña de denuncia e sensibilización social contra a violencia de xénero “En negro contra as violencias”, á que actualmente están adheridos 75 municipios de diferentes cores políticas, tres deputacións provincias e máis de 6.000 establecementos e axentes sociais. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Villar Ageitos, explica que “o obxectivo desta campaña é facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres, polo que buscaremos a implicación do tecido asociativo, económico, cultural, deportivo e social de Noia para dar unha resposta colectiva ante as violencias”.

Con esta campaña, o Concello de Noia busca tinguir de negro todo o municipio a través dos escaparates dos comercios, dos manequíns, da roupa de traballo… “un loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta tamén diante da máis dura das súas consecuencias: a morte”, apunta Marisol Villar, quen anima a todas as persoas e entidades que queiran participar “a contactar co Concello de Noia”.

Esta será a cuarta edición da campaña “En negro contra as violencias”, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Santiago e á que este ano se sumarán unha quincena de municipios, que asistiron o pasado mes de setembro a unha xuntanza de coordinación e preparación celebrada en Compostela.